sexta-feira, abril 15, 2005

CANDIDATURA AO IIº PREMIO VIDAL BOLAÑO

Esta é a candidatura enviada por un dos membros da Sociedade para que lle sexa entregue o IIº Premio Vidal Bolaño á Libraría Andel polos seus méritos.
CANDIDATURA AO IIº PREMIO VIDAL BOLAÑO.
Lendo as bases do II PREMIO ROBERTO VIDAL BOLAÑO que outorgan as RRE. a individuais e colectivos que se comprometen na defensa da identidade galega así como coa idea da Futura República Galega que queremos e imos acadar, realizo unha candidatura por crela precisa neste intre de convulsión e decadencia inomitíbel da lingua do noso país así como do seu panorama cultural que se ve ameazado polo capitalismo fero e desapiadado da base, como tamén agredido polo Estado Español que reprende os movementos culturais en "boas palabras", falándonos de democracia, liberdade lingüística, bilingüismo harmónico, tolerancia, respecto, etc. que á sombra da súa bandeira, e dos seus representantes (como son o goberno que se leva repartido ao longo dos anos entre U.C.D-P.S.O.E.-P.P, e a súa monarquía autodidacta), carecen de significado.

Veño propoñendo como candidata indiscutíbel para este PREMIO, confiando inclusive nas posibilidades de que o poida acadar pola referencias que dou a seguir, á LIBRARÍA ANDEL DO LIBRO GALEGO E PORTUGUÊS, sita na rúa Pintor Lugrís Nº10 de Vigo que ten como representante ao tamén redeiro XAIME NOGUEIRA MEIXE.

Para a valoración (que pola miña parte non pode alcanzar a obxectividade a causa da situación na que vivimos) desta candidatura apóiome ao primeiro nunha realidade cultural que é a do pobo galego, cunha superestrutura (no que se refire á súa literatura, música, costumes, tradición...) inevitabelmente doída ou danada da infraestrutura, refírome, como non, ao capitalismo imperialista de corte española que perverte á nosa nación incesante.
O que veño a afirmar con esta candidatura é que a defensa da nosa cultura milenaria é tamén un acto de subversión merecente de memoria. Nesta candidatura non me limito a agradecer o plausíbel compromiso (xa que calquera acto en favor da Galiza liberada é de seu un compromiso digno de agradecemento) senón que valoro o risco evidente que supón o levar a cabo un proxecto de tal envergadura por:
a) O vivir soamente do libro galego non é de seu cómodo polas dificultades que supón a nivel económico e as restriccións que aporta dita maneira de subsistir.
b) Polo denanterior temos que entender que a decisión de crear este espazo cultural galego que é Andel non é de índole económico senón que se decide como acto de rebelión e valentía ante a decadente situación e a hipocrisía moral que surxe como resposta ao enunciado "o libro galego".
c) Porque cúmprese xaora case unha década de resistencia deste proxecto.
d) Porque extrapolado este do que é a loita nacionalista galega e de emancipación do proletariado para a igualdade entre todos os galegos carecería de senso estricto ao ser a nosa unha cultura que tenta rebentar o vandalismo cultural español.
e) Tamén a causa de que alén de limitarse ao insignificante rexistro, e inútil á vez, do galeguismo culturalista (que se allea da realidade e a loita radical ou de raíz) a devandita libraría marca unha fita de correspondencia coa loita pola autorrealización do pobo galego que se cicelará como tal na próxima República Galega; feito que patenta a impresión por parte desta libraría de autocolantes vindicativos (tendo mesmo un modelo na súa patente), a súa participación na meirande parte dos movementos en defensa da lingua e o pobo galego (edición de cadernos non venais, colocación do seu posto durante o 24-25 de xullo significando que o Día da Patria é algo máis, a participación en festivais poético-políticos...) como tamén, o que de facto poderá comprobar o xurado, o demostra o dato de que o seu encargado é membro das RRE.
f) Que é a ÚNICA libraría galega que se dedica en exclusiva á venda de libros galegos nos andeis da cal non se comparte espazo cos libros en castelán (a non ser en casos contadísimos onde a "causa" pode por riba da lingua na que o libro estea redactado), o que aumenta a dificultade de trunfo, mais sen vedala, como ben observamos.
g) Que defende tamén a introdución das grandes esquecidas que son no noso
país as culturas (literatura, música, cinema) portuguesa, brasileira, caboverdiana, angolana e do Mozambique.
Coido que non hai mellor maneira que predicar co exemplo, sendo as Redes Escarlata, de través do seu II PREMIO ROBERTO VIDAL BOLAÑO, na memoria do ilustre autor e da Comuna de París, o primeiro organismo en recoñecer, en outorgando este mérito, o longo traballo que ocupa a D. Xaime Nogueira á fronte da súa librería pola soberanía específica e cultural do noso pobo galego, pola súa identidade, pola súa independencia... Porque coido tamén que chegados a este punto exacto no que nos atopamos non carece para nada de urxencia o feito de recoñecer dito traballo, como nun pasado se fixo co dos traballadores represaliados en Lugo por facer libremente o uso dos seus dereitos coma homes e proletarios.
Porque tamén habemos de transmitir dende as RRE. unha defensa do que nos é propio, porque Vidal Bolaño sentiría orgullo nun primeiro lugar de que un premio leve o seu nome e en segundo lugar de que este lle sexa outorgado á Libraría Andel do Libro Galego e Português, por case unha década de historia, de resistencia (non só cultural como vimos a dicir), de loita; e porque ao fin en homenaxe tamén ao Castelao que dicía "a cegueira dos hespañois é enfermidade que non ten cura, xa que pechan os ollos cando nos queren ver" nós-outros respondemos decote que non somos hespañois e que vemos, vemos porque a fin de contas: ANDEL SOMOS NÓS.
Unha aperta afectuosa ao xurado do II VIDAL BOLAÑO.
Vigo, a 18 de marzo do 2005.
Brais González Pérez (membro das RRE.)