terça-feira, julho 05, 2005

ENTREVISTA A CÁCCAMO

ENTREVISTA CEDIDA POLO XORNAL A PENEIRA E O SEU AUTOR.


Xosé María Álvarez Cáccamo - escritor.

Por Brais González Pérez

É un Tui ofuscado o que nos toca, aínda para nós subsiste a memoria da represión franquista na zona, e é que a voz asasina decote se ouve nos corredores e nas homenaxes; e o poeta tamén fala coas mans, fala coa ollada, e explícame o que significa cada un dos topónimos nos que se refuxia a súa historia familiar. Ao fondo, mollado no espello do río Miño, Portugal, e nosoutros falando dos irmáns, levemente, con calma, sentados.

Cales son as cordas que te atan á historia común dos tudenses?
Esencialmente é a historia familiar, que foi, como asegurei na miña intervención, unha historia realmente tráxica, e aínda así a infancia do meu pai aquí foi feliz, mesmo a xuventude, pero esto québrase coa morte do meu avó [Darío Álvarez Limeses] no ano 1936. A miña vida aquí foi escasa xa que o meu pai non quería regresar pois a cidade traíalle á memoria aquela ausencia terríbel. Aínda así, eu veño con frecuencia a Tui, xa que me parece unha das pequenas cidades máis fermosas de Galiza, onda Betanzos, logo está que é un lugar fronteirizo, e todo o que está na beira doutro espazo ou doutra realidade sempre me atraeu moito; logo Tui é atractiva tamén por este carácter limítrofe, tan próxima a súa vida a esa cultura portuguesa que é prolongación da nosa dalgunha maneira, e tamén en certa forma espello, modelo, paradigma para os escritores galegos de hoxe.

Entendes a fronteira como unha forma de viaxar cara ao alén?
Hoxe, politicamente esa fronteira non existe, mais o que si segue a existir é a fronteira que separa dúas culturas, xa que por moita que sexa a nosa vontade de integración e de provocar un diálogo hai de fondo razóns políticas e históricas que impiden a fluidez deste. Tamén temos que ter en conta que a dirección deste diálogo vai máis dende o Norte cara ao Sur que viceversa, o que non culpabiliza aos portugueses que teñen a súa propia historia, anque pediríamos que a súa intelectualidade, especialmente, nos brinde comprensión e entendan a nosa realidade que lle tratamos sempre de explicar, con todo hai máis intelectuais e persoas das que quixéramos ás que lles custa comprender que en Galiza temos unha cultura propia e unha lingua propia, e que o instrumento de comunicación ha de ser esta lingua e non o castelán. Como ti me dicías, a fronteira debería unir, debería de non existir, e aí entramos moitos, nesa loita para que este diálogo sexa máis efectivo, máis intenso e máis real.

Esta urxencia de establecer unha relación con Portugal prodúcese na necesidade de fuxir dunha superestrutura hespañolista esmagante para a cultura galega?
Sempre se pode ver así, como refuxio ou fuxida dese poder omnímodo da cultura española, porén tamén se pode ver en positivo e dicir que á marxe desta cultura (da que aínda así non podemos refugar absolutamente) nós buscamos as nosas trazas de identidade históricas nunha cultura que nos sexa máis próxima. Aínda así non se pode negar a proximidade da cultura española, anque si, resulta esmagante para os galegos, polo tanto ten lóxica o acudir á cultura irmá como defensa de cara a esa ameaza e ese perigo real.

Hoxe estamos a ver traballos como o libro “Letras de Fronteira do Val do Miño Transfronteirizo” sobre o que nos acabas de falar e que non carecen de importancia nesta dirección. Cal é a importancia deste tipo de traballos na confraternización entrambos pobos?
Eu penso que nun primeiro plano a labor é política xa que é deber das institucións e a administración galega o realizar unha importante tarefa de pedagoxía con Portugal, ensinar dende Galiza que é esta, cal é a nosa realidade como nación, a realidade cultural e lingüística... Doutra banda os escritores galegos que somos galegos e non españois actuamos un pouco talmente francotiradores neste aspecto, temos sempre que nos explicar. Hai unha labor pedagóxica inicial básica, e logo con esto resolto o diálogo ha de traducirse en publicacións conxuntas, en congresos... que aínda que os hai son necesarios moitos máis, e é preciso matizar as cualidades desta relación.
Que referentes portugueses marcan a liña que segues na túa poética?
Nun primeiro lugar os referentes galaico-portugueses dunha banda e da outra do río (que non se distinguen facilmente) e logo xa no século XX autores como o fundamental Fernando Pessoa, Eugenio Andrade, Ramos Rosa, tamén Sofía de Melo Breiner, ou outros máis novos como Vergílio Alberto Vieira, Nuno Júdice, Fernando Assís Pacheco... son poetas que eu teño lido e que sigo lendo e relendo continuamente. Teño menos coñecemento da narrativa portuguesa, porén ao fin hai figuras decisivas como Saramago que non podemos deixar de ler.
Que novo título nos cabe esperar na túa obra?
Teño entregada na editorial de cara á súa saída no mes de outubro ou novembro un libro de memorias, que se chama “Memorias de poeta”, en Galaxia, e alí recollo a miña vida fundamentada na miña experiencia poética, pero recollo tamén outras experiencias vitais. Alén desto non teño nada máis en perspectiva a non ser unha publicación de vellos poemas que recompilei de cara ao ano próximo, aínda que non o teño nada claro.

Agora seguimos falando das pantasmas que fuxiron no pasado, de vellas crenzas difusas e xunguidas á vez á memoria do noso pobo, do inútil da orde social da nosa terra, das pedras de Tui e dos disparos que nunha xornada fútil deron en ouvir os seus tíos e pais entre a besada, todo contra a memoria. Era 30 de outubro. Logo, penduran xaora de min aquelas verbas que
leu con Portugal tan pretiño:
En Tui, trinta de outubro,
dilixencia acredita
execución: Alejo, Manuel, Julio, Darío,
Serafín e José
ás seis corenta e cinco
pasados polas armas
na explanada que existe
por detrás do edificio
destinado a Instituto.